icono teléfono 881 995 230
icono sobre info[@]comercioruralgalego.es
Xunta de Galicia, Consellería de Economía e Industria - Dirección Xeral de Comercio (ábrese nunha nova ventá)

Novas

INNOVACIÓN E INDUSTRIA INCREMENTA ESTE ANO NUN 23% SOBRE O BIENIO ANTERIOR O ORZAMENTO DESTINADO AO FOMENTO DO COMERCIO RURAL GALEGO

28-03-2008
Fernando Blanco presentou as liñas de axudas dedicadas ao comercio rural que contarán cunha dotación económica de 3,5 millóns de euros.
Fernando Blanco e Ana RúaA Consellaría fixa como un dos seus obxectivos integrar a 16 novos establecementos na Rede de Comercio Rural Galego posta en marcha en 2007.

A Consellaría de Innovación e Industria destina este ano 3,5 millóns de euros ao fomento do comercio rural galego, un 23% máis que no conxunto dos dous anos anteriores, segundo anunciou hoxe en rolda de prensa o conselleiro nacionalista, Fernando Blanco. Nun acto no que tamén participou a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, o titular do departamento autonómico explicou que o programa de fomento do comercio rural ten unha especial transcendencia posto que con el favorécese unha correcta dotación de servizos para a poboación das áreas rurais.

Nesta liña, Fernando Blanco sinalou como principais obxectivos da Consellaría neste ámbito de actuación a adecuación da oferta comercial ás necesidades da poboación dos núcleos rurais; a mellora da xestión e da calidade dos servizos que prestan os establecementos comerciais do rural; o incremento da rendibilidade económica dos establecementos; o mantemento da actividade comercial como ferramenta que contribúa a fixar poboación; a identificación de oportunidades de creación de novas iniciativas comerciais e o aproveitamento da rede de comercios rurais como canle para a comercialización de produtos autóctonos e artesanais galegos, contribuíndo deste xeito á dinamización económica das zonas rurais.

Para a consecución destes obxectivos, a Consellaría de Innovación e Industria deseñou dúas liñas básicas de actuación: a de Modernización do Comercio Rural e a da Rede de Comercio Rural Galego. A primeira destas liñas conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, unha cantidade que permitirá continuar coas actuacións nos establecementos rurais, tal e como se fixo en 2006 e 2007, bienio no que se modernizaron 515 comercios. A orde de axudas destinada á modernización do comercio rural ten como beneficiarios aos establecementos situados en concellos de menos de 10.000 habitantes, polo que poderán beneficiarse dela os locais comerciais dun total de 258 concellos galegos. As actuacións básicas contempladas na orde son a reforma e adaptación do establecemento, a eliminación de barreiras arquitectónicas, así como as obras de ampliación dos locais, sempre que a superficie útil resultante sexa inferior a 300 m2. Tamén serán subvencionables o deseño e execución de campañas promocionais para a captación e fidelización dos clientes; a moblaxe, elementos de decoración e outros equipamentos comerciais; e a adquisición de vehículos para uso comercial e distribución de produtos.

Dous millóns para a Rede de Comercio Rural Galego

A segunda das liñas postas en marcha pola Consellaría é a da Rede de Comercio Rural Galego, que este ano contará con 2 millóns de euros, fronte aos máis de 500.000 euros de orzamento en 2007. Esta rede de tendas multiservizo unifica os servizos, o abano de produtos á venda, a estrutura física do establecemento e o modelo de xestión, baixo unha imaxe corporativa común. Así, a oferta de produtos e servizos é ampla posto que ademais dos tipicamente comerciais, dispoñen de restaurante, cafetería, atención aos turistas e subcontratación de servizos para os habitantes do rural. Ademais, a Rede permite abaratar custos, contar con asesoramento e formación especializados, así como a promoción da marca común dos establecementos.

Logo da entrada en funcionamento dos 4 establecementos piloto comprometidos en 2007 (concretamente en Touro, Pontecaldelas, Maceda e Ourol), Fernando Blanco anunciou que este ano preténdese axudar á creación doutros 16, co que a final do exercicio a Rede contará xa con 20 comercios. Dos 2 millóns de investimento previstos, 500.000 irán destinados ao control e xestión da marca Comercio Rural Galego e 1,5 millóns ao fomento da adhesión á Rede, a través da correspondente orde de axudas. A contía máxima da axuda será de 100.000 euros por establecemento, podendo chegar ao 70% dos investimentos en activos fixos. Neste caso poderán ser beneficiarios aqueles comercios situados en concellos de menos de 5.000 habitantes ou nos núcleos de poboación que non superen as 1.500 persoas nos concellos de máis de 5.000 habitantes.

Dentro desta liña subvencionaranse a adecuación de novos establecementos ou a reforma e ampliación dos locais comerciais sempre que a superficie resultante non supere os 150 m2 e teñan unha superficie mínima de sala de vendas de 35 m2. Tamén a reforma de fachadas das edificacións onde se ubiquen os establecementos, a rotulación da Rede de Comercio Rural Galego e a adquisición de equipamentos para desenvolver a actividade comercial.

Os beneficiarios deben ser propietarios do local ou, no caso de que dispoñan dun contrato de alugueiro, teñen que achegar o compromiso do propietario de que o establecemento se manterá na Rede de Comercio Rural durante dez anos. En todo caso, os solicitantes da adhesión á Rede deben adherirse á mesma ao remate das obras e logo de superar a auditoría de comprobación do organismo xestor; rehabilitar o local seguindo o manual de adecuación; xustificar o investimento en prazo; manter o establecemento en funcionamento dez anos conforme aos requisitos de xestión recollidos nos manuais da Rede; ofrecer os produtos e servizos esixidos; someterse ás auditorías da Rede e empregar na sinaléctica, cando menos, a lingua galega. Os criterios de valoración dos proxectos presentados darán preferencia á viabilidade económica, á idade do solicitante, ás mulleres e por último, á localización do establecemento en concellos de menor poboación.
volver

Establecementos

A CANTINA DE JULIA

Enderezo:
Rúa da Carreira nº2 · 27338- Salcedo- Pobra do Brollón (Lugo)
Telf.: 982430222

Ampliar información sobre o establecemento: A CANTINA DE JULIA

A CASA DO QUIN

Enderezo:
Pepín nº40 · 32625 - Castrelo do Val(Ourense)
Telf.: 988419215

Ampliar información sobre o establecemento: A CASA DO QUIN

A DE BERNARDINO

Enderezo:
Vilares nº11, Bora 36154- Pontevedra (PONTEVEDRA)
Telf.: 986859328

Ampliar información sobre o establecemento: A DE BERNARDINO

A DE MARUJA

Enderezo:
Lugar de A Chá nº4 ·15391 Carres- Cesuras (A Coruña)
Telf.: 981790050

Ampliar información sobre o establecemento: A DE MARUJA
Rede de Comercio Rural Galego (Páxina de inicio)
Aviso Legal | Accesibilidade | Novas RSS