icono teléfono 881 995 230
icono sobre info[@]comercioruralgalego.es
Xunta de Galicia, Consellería de Economía e Industria - Dirección Xeral de Comercio (ábrese nunha nova ventá)

Novas

A PROVINCIA DE LUGO CONTA DESDE HOXE CON CATRO ESTABLECEMENTOS ADHERIDOS Á REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO

14-01-2009
O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, visitou hoxe o último establecemento incorporado, Casa María, no concello das Nogais
O Consselleiro de Innovación observa a rehabilitación exterior de Casa María
O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, visitou esta mañá un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, Casa María, situada no concello lucense das Nogais, na parroquia de Doncos. No acto de inauguración tamén estiveron presentes a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, o delegado da Consellería de Innovación en Lugo, Ramón Jesús Cortés, e o xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao.

Coa posta en marcha de Casa María, son xa catro os establecementos adheridos á Rede de Comercio Rural Galego na provincia de Lugo. Ademais do establecemento piloto posto en marcha a comezos do ano 2008 no concello de Ourol, Casa Balsa, hai que destacar as recentes rehabilitacións de dúas antigas cantinas cunha remarcada tradición na provincia, como foron A Cantina de Julia, na Pobra do Brollón, e Casa Zapateiro, no concello da Pastoriza.

En concreto, no establecemento inaugurado hoxe en Doncos, a Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, achegou un total de 93.000 euros da inversión total, que ascendía a 141.000 euros. No proxecto de rehabilitación tívose en conta a definición do local para un incremento da oferta de produtos e servizos e para a adaptación ás novas formas de consumo do rural.

Habilitouse unha área de almacén, unha área para autoservicio e unha zona de bar. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto. Ademais, tamén se produciu unha actuación integral do seu aspecto exterior dotándoo dunha modernización sen rachar coa súa tradición.

Casa María, que así se chama este establecemento, conta con gran tradición e sona na parroquia de Doncos. Ao longo da historia esta casa tradicional actuou como local social para a xente da parroquia, feito que fixo que a rehabilitación fose unha prioridade para os veciños da mesma. Ademais, coa reapertura da mesma os veciños de Doncos poderán gozar outra vez dos servizos que a poboación do rural vén esixindo cada día, entre os que se atopan os produtos de primeira necesidade ou o acceso ás novas tecnoloxías, sen ter a necesidade de se desprazaren até o núcleo poboacional máis próximo como son As Nogais.


Dez novos establecementos nos vindeiros días
O departamento autonómico investiu na Rede de Comercio Rural Galego un millón e medio de euros ao longo do ano 2008 . Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

A rede, que contaba até o día de hoxe con catro establecementos piloto repartidos por todo o país, máis os recentemente inaugurados na Pobra do Brollón e na Pastoriza, os dous na provincia de Lugo, e que está promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, contará cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que disporán dun servizo de asesoramento de xestión integral ?a través de Galicia Calidade?, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos produtos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos da rede, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e Artesanía de Galicia. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

Nos vindeiros días un total de dez tendas máis serán postas en marcha repartidas por todo o país. Deste xeito, a Rede de Comercio Rural Galego contará a finais deste mes cun total de 18 establecementos adheridos, dotando así a milleiros de galegas e galegos de máis e mellores servizos no rural galego.
volver

Establecementos

A CANTINA DE JULIA

Enderezo:
Rúa da Carreira nº2 · 27338- Salcedo- Pobra do Brollón (Lugo)
Telf.: 982430222

Ampliar información sobre o establecemento: A CANTINA DE JULIA

A CASA DO QUIN

Enderezo:
Pepín nº40 · 32625 - Castrelo do Val(Ourense)
Telf.: 988419215

Ampliar información sobre o establecemento: A CASA DO QUIN

A DE BERNARDINO

Enderezo:
Vilares nº11, Bora 36154- Pontevedra (PONTEVEDRA)
Telf.: 986859328

Ampliar información sobre o establecemento: A DE BERNARDINO

A DE MARUJA

Enderezo:
Lugar de A Chá nº4 ·15391 Carres- Cesuras (A Coruña)
Telf.: 981790050

Ampliar información sobre o establecemento: A DE MARUJA
Rede de Comercio Rural Galego (Páxina de inicio)
Aviso Legal | Accesibilidade | Novas RSS