icono teléfono 881 995 230
icono sobre info[@]comercioruralgalego.es
Xunta de Galicia, Consellería de Economía e Industria - Dirección Xeral de Comercio (ábrese nunha nova ventá)

Novas

O CONCELLO DE ARZÚA CONTA DENDE HOXE CUN ESTABLECEMENTO ADHERIDO Á REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO

28-01-2009
A directora xeral de Comercio visitou hoxe Casa Garea, onde o departamento autonómico investiu 100.000 euros na súa rehabilitación
A directora xeral, diante de Casa Garea, acompañada polo xerente de Galicia Calidade, o alcalde de Arzúa e o propietario do establecemento
A directora xeral de Comercio visitou esta mañá un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, Casa Garea, situado no concello coruñés de Arzúa, na parroquia de Castañeda. No acto de inauguración tamén estiveron presentes o xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, e o alcalde do municipio, Xaquín García. Con esta inauguración, a provincia da Coruña conta cun total de nove establecementos adheridos á Rede, situados nos concellos de Touro, Teo, Santiso, Mazaricos, Vimianzo, Ribeira, Frades, Mesía e o anteriormente citado de Arzúa.

Casa Garea contou cunha aportación do departamento autonómico de 100.000 euros para a súa rehabilitación e adaptación aos criterios da Rede de Comercio Rural Galego. A inversión total para a remodelación foi de 155.000 euros. A actuación realizada foi a adecuación dun establecemento que no pasado fóra xa ultramarinos ou cantina e que logo se trasladara a un edificio novo no outro lado da estrada. Con esta axuda do departamento autonómico, os promotores de Casa Garea decidiron apostar pola rehabilitación dun edificio dun valor arquitectónico moi alto e que se atopa protexido por Patrimonio, debido á súa proximidade do Camiño de Santiago.

Con máis de 100 anos de antigüidade, Casa Garea atópase xa na cuarta xeración familiar á fronte do negocio. O establecemento que reabre hoxe as portas atópase a menos de douscentos metros do camiño de Santiago polo que ademais de dar servizos á xente do rural, da parroquia de Castañeda, tamén o fará cos milleiros de peregrinos que pasen polo Camiño Francés dirección Compostela.

A rehabilitación que se realizou no edificio pretendeu en todo momento conservar a súa beleza e tradición arquitectónica, apostando polos materiais de calidade. Habilitouse unha área de almacén, unha área para autoservicio e unha zona de bar. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto.

Casa Garea é o único establecemento deste tipo na súa parroquia polo que a súa rehabilitación cubre tamén as necesidades da poboación máis próxima ao mesmo. Este establecemento reabre agora as súas portas para dar servizo ás veciñas e veciños, ofertando todos aqueles produtos de primeira necesidade, produtos ecolóxicos, de Artesanía de Galicia así como facilitando o acceso ás novas tecnoloxías. Ademais, continuará cos servizos que viña ofertando até o momento como o pedido telefónico ou o reparto a domicilio.

17 establecementos en funcionamento
O departamento autonómico investiu na Rede de Comercio Rural Galego un millón e medio de euros ao longo do ano 2008 . Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

A rede, que contaba até o día de hoxe con catro establecementos piloto repartidos por todo o país, máis os recentemente inaugurados na Pobra do Brollón, A Pastoriza, As Nogais, Teo, Mesía, Pontecareira, Santiso, Ribeira, Mazaricos,Vimianzo, Barro e Pontevedra, suma xa a día de hoxe dezasete proxectos en funcionamento adheridos á Rede de Comercio Rural Galego.

A Rede, promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Economia e Industria, conta cunha rede de tendas repartidas por toda Galicia e que dispoñen dun servizo de asesoramento de xestión integral ?a través de Galicia Calidade?, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos servizos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos da rede, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galicia, produtos da marca Galicia Calidade e Artesanía de Galicia. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

Nos vindeiros días un total de tres tendas máis serán postas en marcha repartidas por todo o país. Deste xeito, a Rede de Comercio Rural Galego contará a finais deste mes cun total de 18 establecementos adheridos, dotando así a milleiros de galegas e galegos de máis e mellores servizos no rural galego.
volver

Establecementos

A CANTINA DE JULIA

Enderezo:
Rúa da Carreira nº2 · 27338- Salcedo- Pobra do Brollón (Lugo)
Telf.: 982430222

Ampliar información sobre o establecemento: A CANTINA DE JULIA

A CASA DO QUIN

Enderezo:
Pepín nº40 · 32625 - Castrelo do Val(Ourense)
Telf.: 988419215

Ampliar información sobre o establecemento: A CASA DO QUIN

A DE BERNARDINO

Enderezo:
Vilares nº11, Bora 36154- Pontevedra (PONTEVEDRA)
Telf.: 986859328

Ampliar información sobre o establecemento: A DE BERNARDINO

A DE MARUJA

Enderezo:
Lugar de A Chá nº4 ·15391 Carres- Cesuras (A Coruña)
Telf.: 981790050

Ampliar información sobre o establecemento: A DE MARUJA
Rede de Comercio Rural Galego (Páxina de inicio)
Aviso Legal | Accesibilidade | Novas RSS